Política

Especulación urbanística | A axenda urbanística local precipita os desaloxos no asentamento da Pasaxe (I) – El Salto

Especulación urbanística | A axenda urbanística local precipita os desaloxos no asentamento da Pasaxe (I) - El Salto


Moitas das persoas que viven na Pasaxe levan desde o comezo do proceso solicitando que se teña en conta a súa realidade laboral á hora de acordar unha alternativa de vivenda, así o defende un dos veciños: “somos xente produtiva que quere seguir séndoo, non queremos depender de axudas, queremos poder traballar”. O que máis lles preocupa é que se trate o desaloxo sen ter en conta que cada caso ten unhas circunstancias diferentes. Esta é unha historia polo dereito á vivenda axeitada e a ser escoitadas, que xa ven de lonxe.

O pasado 23 de xullo produciuse a última operación de derrubamento ordenado polo actual goberno socialista e executado coa presenza de ata 12 axentes da policía local. Neste proceso foron derrubadas 4 infravivendas e, a diferenza do acontecido na anterior acción municipal do 19 de febreiro, non houbo incidentes. Naquel momento derrubáronse dúas vivendas de familias adheridas ao Plan de Acceso a Hábitat Digno (PaHD). O conflito xurdiu cando se procedeu o derrubamento doutras dúas vivendas nas que as propietarias non foran notificadas e onde gardaban útiles persoais. As protestas da veciñanza foron repelidas con violencia por ata 20 axentes policiais con equipamento antidisturbios. A acción policial deixou ata 6 persoas residentes con feridas leves. Un dos traballadores do taller D-3, situado nesta mesma área, denunciaba a actuación policial: “Esta última redada foi unha vergoña. Estanos enganando, levo aquí desde o 91 e nunca tiven un problema, son os mellores veciños que puiden ter. O concello está defendendo os intereses de alguén, pero non da xente.”

Tras esta actuación no mes de febreiro, algunhas familias buscaron a asesoría dos avogados Antonio Vázquez e Hugo Pastoriza, colaboradores habituais do colectivo Stop Desafiuzamentos da Coruña e coñecedores da situación desta veciñanza. Segundo éstes “o derrubamento de dúas das catro vivendas non foi legal, a familia propietaria non tiña acordado ningún proceso de realoxamento nin se lle tiña notificado por vía algunha que se procedería ao derrubamento. A administración está a bordear a legalidade sabendo que normalmente non se vai a interpor unha denuncia ao respecto” contaba Antonio Vázquez a este medio nos días seguintes.

A queixa que máis se escoita entre a poboación é que se trate o desaloxo sen ter en conta que cada caso ten unhas circunstancias diferentes

A poboación da Pasaxe sabe que non pode contar cun sistema que os ten excluídos dende sempre, aínda que traten de facerse oír e defender os seus dereitos. Son conscientes de que o Concello ten uns plans concretos para esta zona e que terán que afrontar un novo desaloxo. Á incertidume con respecto á temporalidade prevista para completar o desmantelamento súmase a inseguridade xeral debido á COVID-19 e o medo a un novo confinamento: “A xente non sabe qué facer, están presionando moito e tampouco logramos facer unha fronte común para defendernos, xa sabes, divide e vencerás. Ameazan con que en calquera momento desaparecerá o Plan actual e que as familias que queden serán desaloxadas polas malas, pero non está claro qué tempos manexan”. Pola súa banda, Costas fai presión ao Concello da Coruña para liberar os terreos afectados e xa manifestou a intención de recorrer á vía xudicial para comezar os desaloxos daquelas familias que non se adhiran ao proceso do Plan de Acceso a Hábitat Digno municipal.

A poboación da Pasaxe sabe que non pode contar cun sistema que os ten excluídos dende sempre

A veciñanza asume que o núcleo da Pasaxe tal e como o coñeceron terá que desaparecer, sendo uns terreos que agora son de dominio público, pero esixen que se lles escoite, que se avalíe cada caso segundo as súas circunstancias individuais e que as solucións propostas resulten eficaces no medio e longo prazo. Un dos veciños do lugar desde hai máis de 32 anos, sinala este problema: “Non están dispostos a escoitarnos, non é que esixamos nada senón que queremos que entendan que se non podemos seguir traballando no que traballamos sempre, en especial os máis maiores, non poderemos manter ningún alugueiro e acabaremos na rúa de novo e volta a comezar.”

A Pasaxe 2
Vistas desde A Pasaxe ao litoral das Xubias coas mariscadoras ao fondo.
Cristina Botana

A estratexia do Plan de Acceso ao Hábitat Digno

Unha das familias que foi recentemente realoxada explica as condicións do acordo firmado coas traballadoras municipais do Equipo Hábitat: os alugueiros son xestionados pola Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA). Realízase a procura dun piso de alugueiro no mercado libre, cun prezo limitado, polo que a “unidade convivencial” abonará unha cantidade equivalente ao 20% dos seus ingresos como renda mensual, aparte dos suministros.

Por outra banda, unha persoa participante no PaHD denuncia a débeda contraída durante un período no que quedou sen ingresos: “Se aumentan os meus ingresos pago máis, ben, pero se quedo sen traballo o 20% de cero resulta nunha débeda que non sei se poderei asumir”. Segundo as condicións definidas no Plan, este apoio á vivenda prolongarase por 5 anos, salvo que se acaden antes unas condicións laborais que propicien a saída do mesmo. Ademais as familias poderán inscribirse como demandantes de vivenda protexida para o programa da Xunta, un ano antes de que remate o seu contrato.

Unha das eivas desta política é que o Concello non dispón de vivenda pública para resolver procesos de realoxamento como este

Unha das eivas desta política é que o Concello non dispón de vivenda pública para resolver procesos de realoxamento como este. As opcións que se formulan son maioritariamente en alugueiros no mercado libre de maneira que o proceso está sempre subordinado ás flutuacións do mercado, alén de que as persoas que se adhiren ao Plan ven como demasiadas veces o seu realoxamento é paralizado polos comportamentos racistas de quen dispoñen das vivendas a alugar ou pola veciñanza dos barrios.

O mesmo día no que se asina o contrato realízase a entrega das chaves da vivenda en alugueiro e derrúbase o lugar no que residiran ata entón, que a pesar da precariedade, é o seu fogar. Trátase dun momento de gran carga emocional para calquera, que se suma á incerteza sobre o futuro e ao medo a non poder facer fronte aos custos da nova vivenda, o que suporía un novo desaloxo. Alén diso, o feito de non poder trasladar todas as pertenzas ata ese momento dificulta o proceso de mudanza, que só pode realizarse co apoio de amigos e familiares.

Unha vez que tiran as casas, deixan todos os escombros no lugar, aquí aínda estamos vivindo persoas, hai nenos, deixan todo cheo de lixo como se xa non existise vida aquí

Tras o derrubamento, a veciñanza da zona ten que convivir cos escombros que fican, pois o Concello non realiza a súa retirada e limpeza, tal e como se constata á vista dos restos das vivendas derrubadas durante o pasado verán. Este é outro aspecto que indigna á veciñanza da Pasaxe: “Non comprendemos como, unha vez que tiran as casas, deixan todos os escombros no lugar, aquí aínda estamos vivindo persoas, hai nenos, deixan todo cheo de lixo como se xa non existise vida aquí. Preguntamos ao Concello e din que a limpeza da zona é cousa de Costas, o caso é que cada vez hai máis escombros. Ao final pretenderán culparnos a nós por ter así isto. Hai substancias perigosas e nos restos que levan máis tempo xa aparecen ratas. Seguimos vivindo aquí, non hai dereito”.



Source link

También pueden gustarte

Leer más